As obras de rehabilitación do antigo convento de Santa Clara terán "máxima prioridade" para o Concello de Pontevedra. Así o asegurou este xoves o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a preguntas dos medios de comunicación.
24 horas antes, o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, anunciou que a institución provincial xa recibiu o "ok" de Patrimonio ao proxecto básico presentado polo estudo arquitectónico Nieto Sobejano e que xa pediran a licenza de obra ao Concello o 22 de xullo.
Lores confirmou que a licenza está "en tramitación". O Concello recibiu a petición de licenza en xullo e "tardamos unha semana en contestarlles". Nesa resposta pedíanlles nova documentación e, nestes momentos, están á espera de recibila.
"Que eu saiba, polo momento non a entregaron", sinalou Lores, que adiantou xa que, a partir de aí, unha vez que teñan toda a documentación, a intención municipal é "axilizala o máximo posible para poder entregala en canto cumpra todos os requisitos".
Este proxecto abordarase con "máxima axilidade". O Concello dispón de tres meses para dar unha resposta. Cando se licite o proxecto, será cando se volva a revisar economicamente a proposta inicial de 21,5 millóns de euros previstos para executar a obra.