O goberno local de Barro, que lidera o nacionalista Xosé Manuel Fernández Abraldes, decidía paralizar as obras de execución dunha plataforma para mellorar o transporte de aeroxeradores no lugar de Porráns, na parroquia de Barro.
Segundo indican desde o Concello de Barro, a empresa promotora Norvento carecía da preceptiva licenza municipal para acometer unha obra destas características.
Sinalan que as obras promovidas por esta entidade pretendían converterse en punto de apoio loxístico para o transporte de aeroxeradores destinados ao parque eólico de Acibal.
Os traballos realizábanse en terreos de núcleo urbano e nas proximidades da estrada N-550.
O goberno local xa adoptara, meses atrás, medidas de oposición ao paso de transporte pesado con material destinado a este parque eólico.
O alcalde indicaba que os vehículos estaban a circular polo municipio sen a autorización pertinente.