A Comunidade de propietarios do Edificio Pintos de Bueu presentaba o 6 de outubro un escrito reclamando o apoio ante a demolición prevista para principios de novembro do inmoble que foi considerado ilegal polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Como consecuencia, o goberno local de Bueu, liderado polo alcalde Félix Juncal, elaborou o borrador dunha declaración institucional na que manifesta a súa solidariedade, apoio e tamén pide perdón aos afectados polo desaloxo que teñen que sufrir estes veciños.
O escrito fai referencia a que nos anos 80 e 90, o Concello de Bueu levou a cabo unha política urbanística totalmente contraria aos intereses públicos e negativa para os intereses das persoas. Indica que non levaba a cabo un control das obras realizadas, incorrendo en graves infraccións urbanísticas. Ademais, sinala que tampouco eran revisadas as licenzas, dando lugar a graves situacións como é o caso do Edificio Pintos que obtivo unha licenza mal concedida no ano 86 e que obriga a unha inminente demolición parcial que responde o cumprimento da sentenza do TSXG.
O Concello de Bueu censura o comportamento do equipo de goberno de entón e pide perdón aos propietarios de boa fe do Edificio Pintos. Neste escrito manifestan o convencemento de que este perdón sirva tamén para resarcir do dano que se infrinxiu á institución municipal. Esperan, ademais, que a imaxe quede limpa tras estas circunstancias nas que se viu envolvido o edificio desde que foi ocupado hai 25 anos.