O Concello de Caldas crea unha campaña de entrega a domicilio gratuíta desde calquera establecemento

Umia
22 de maio 2020

Coa intención de fomentar as ventas e o consumo en todo tipo de pequenosestablecementos do municipio, o Concello de Caldas de Reis e a Asociación Caldas Centro Comercial Aberto puxeron en marcha a campaña 'Levámoscho á casa' e así contribuír a aumentar as vendas

Campaña de entrega a domicilio 'Levámoscho a casa' do Concello de Caldas
Campaña de entrega a domicilio 'Levámoscho a casa' do Concello de Caldas / Concello de Caldas de Reis

Coa intención de fomentar as ventas e o consumo nos establecementos do municipio, o Concello de Caldas de Reis e a Asociación Caldas Centro Comercial Aberto puxeron en marcha unha campaña de entrega gratuíta a domicilio das compras efectuadas no pequeno comercio local.

A campaña 'Levámoscho á casa', está dirixida a todo tipo de establecementos, xa sexan de moda, calzado, alimentación, fogar, servizos, etc, e comezará a funcionar a partir deste sábado.

Segundo explican dende o Concello, a clientela só ten que efectuar a compra na súa tenda a través dos medios telemáticos que manteña habilitados cada unha (páxina web, redes sociais, atención telefónica...) e unha empresa de transportes encargarase de realizar o seu reparto a domicilio sen custo para o negocio nin para o cliente.

A recollida e o reparto dos produtos realizarase polas tardes a un máximo de 10 quilómetros á redonda do casco urbano, e as tendas solicitarán a recollida de paquetes vía Whatsapp no número 600 29 50 07.

O Concello encargarase dos custes do servizo ata o 30 de xuño de 2020 e, a partir deste momento estudarán as fórmulas a través das que darlle visibilidade e favorecer a súa continuidade.

A campaña foi presentada polos representantes da Asociación Caldas Centro Comercial Aberto e polo concelleiro de Comercio e Consumo, Jacobo Pérez, que sinalou que "con esta acción pretendemos achegar un gran de area á recuperación da actividade dos pequenos negocios, facilitando os medios loxísticos a través dos que poidan entregar as compras a domicilio sen ningún custo para eles".

Pola súa banda, o alcalde Juan Manuel Rey, quere "animar a todos os veciños de Caldas a facer uso do servizo de maneira responsable".

Por último, desde o Concello lembran que están a traballar noutro tipo de iniciativas coas que tratar de paliar os efectos da crise do coronavirus como o atraso no pago das taxas ou a campaña ' Eu merco en Caldas', que incluirá diferentes accións promocionais para atraer clientela aos establecementos.