O Concello de Campo Lameiro esgota as reservas de costillares para o próximo xantar prehistórico

Umia
13 de agosto 2024

O domingo 18 celebrarase a terceira edición do Festival Laeros que organiza o Concello e que espera concite a preto dun milleiro de persoas

Costillares ao espeto en Campo Lameiro Concello Campo Lameiro

Campo Lameiro, como capital galega da Arte Rupestre, ofrece este domingo 18 de agosto a terceira edición do Festival Laeros, organizado polo Concello con propostas gastronómicas, lúdicas e divulgativas.

A máis populosa, de acordo ás dúas citas anteriores, é o xantar prehistórico que se desenvolve en colaboración coa Asociación Costillar A Estada de San Clemente. Terá lugar en zonas de sombra da contorna do Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre, adecuadas para comodidade do público asistente. Xa se esgotaron as reservas, de forma que inicialmente, está previsto que se asen 40 costillares de vacún ao espeto.

Unha das novidades desta edición é un showcooking prehistórico para potenciar a parte gastronómica do Festival. Correrá a cargo de Pedro Cura, prestixioso especialista en didáctica e arqueoloxía. 

"Este ano queremos dar un paso máis e facer recreacións da Idade do Bronce Atlántico coa participación da Asociación Boquique de León, quizais a entidade que mellor coñece a Idade do Bronce na Península", avanzou o alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa. 

Desde o Concello destácase tamén a importancia da implicación dos veciños do municipio neste Festival Laeros. Eles serán fundamentais, por exemplo, no espazo Xogos Rupestres, onde alumnos do CEIP Cerviño mostrarán varios xogos que crearon inspiraron na arte rupestre de Campo Lameiro e de Galicia.