O Concello de Cerdedo-Cotobade entrega máscaras aos nenos para que poidan pasear con seguridade

Cerdedo Cotobade
27 de abril 2020

O Concello entrega estes elementos aos 431 menores de 12 anos censados no municipio acompañados dunha copia do protocolo de seguridade e un diploma de agradecemento polo seu bo comportamento durante a corentena

Entrega de máscaras para nenos en Cerdedo-Cotobade
Entrega de máscaras para nenos en Cerdedo-Cotobade / Concello de Cerdedo Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade reparte máscaras aos 431 nenos menores de 12 anos censados no municipio nunha iniciativa que ten como obxectivo reforzar a seguridade sanitaria de toda a poboación ante o permiso de saír á rúa unha hora ao día.

A repartición púxose en marcha este luns na sala de usos múltiples da casa do concello de Carballedo e na praza do Concello de Cerdedo baixo a supervisión do alcalde, Jorge Cubela, os edís Fernando Vázquez e Lourdes Ovelleiro e un equipo de voluntarios da agrupación de Protección Civil. O programa continuará este martes no pavillón de Tenorio pola mañá e na Casa do Pobo de Viascón pola tarde.

"Habilitamos as tres localidades con colexio público e engadimos Viascón porque conta cunha elevada cifra de nenos, pero debe quedar claro que se algunha familia non se pode achegar a recollelas só ten que chamarnos e levámoslle as máscaras a casa porque queremos que os nosos pequenos estean o máis protexidos posible", declarou o rexedor.

O lote de máscaras que se está repartindo foi doado ao Concello por parte da empresa Corio Bona e xunto con este material o Concello entrega tamén unha copia do protocolo de seguridade para os paseos infantís nos que só un adulto pode acompañar aos menores e nos que hai que respectar unha distancia de seguridade de dous metros con outras familias. Así mesmo, entregan tamén un diploma a todos os nenos como agradecemento pola súa responsabilidade e positivismo durante o confinamento.