O Concello de Cuntis pide explicacións ao CHOP pola pérdida do servizo de pediatría por vacacións

Umia
16 de xullo 2019

Os menores son derivados ao PAC ou ao servizo de Urxencias de Pontevedra e só reciben atención no propio centro de saúde se a situación é especialmente urxente

Protestas ante o Centro de Saúde de Cuntis pola pérdida do pediatra
Protestas ante o Centro de Saúde de Cuntis pola pérdida do pediatra / Concello de Cuntis

Chega o verán aos centros sanitarios e con el os problemas de funcionamento. Durante o mes de xullo, a pediatra do centro de saúde de Cuntis atópase de vacacións sen que o Sergas contratase a un substituto, o que provocou trastornos a moitos pacientes. Por iso, o  Concello de Cuntis acaba de remitir un escrito ao xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra para solicitar explicacións polos problemas de funcionamento do servizo de pediatría durante a época estival.

Desde o goberno local alertan que os pacientes non poden solicitar cita previa no seu centro de saúde porque a pediatra atópase de vacacións e o Sergas non contratou a un substituto. Non é a primeira vez que se produce esta situación nos últimos anos, pero en ocasións anteriores os menores  cuntienses eran atendidos polos profesionais do centro de saúde de Caldas.

Con todo, este ano xa foron varios os pacientes aos que se lles denegou esta atención para remitilos ao servizo de Urxencias do PAC ou directamente ao Hospital Provincial. Só son atendidos no propio centro de saúde polo médico de familia se se trata dunha urxencia real.
Ademais, as revisións a bebés quedaron suspendidas ata o día 1 de agosto, cando a pediatra finalice as súas vacacións e regrese ao traballo.

“Non entendemos esta forma de proceder que só conducen ao colapso de Urxencias, porque na maioría das ocasións son atencións sinxelas para as que non é necesario ir ao Hospital”, lamenta a tenente de alcalde de Cuntis, Conchi Campos.