O Concello de Marín invita os veciños a reclamar polos danos do temporal

Marín
09 de febreiro 2017

O goberno da popular María Ramallo colabora con particulares e negocios na presentación de reclamacións con motivo da interrupción do abastecemento eléctrico de luz e gas durante varios dias

Limpeza dos danos ocasionados polo temporal en Portocelo
Limpeza dos danos ocasionados polo temporal en Portocelo / Concello de Marín

O Concello de Marín lanza un chamamento para que os veciños que se viron prexudicados pola interrupción do abastecemento eléctrico da luz e gas durante varios días con motivo do temporal presenten reclamacións á empresa subministradora da enerxía eléctrica.

Para presentar esta reclamación no Facebook do Concello de Marín atópase a ligazón con Gas Natural Fenosa, tamén se recomenda dirixirse á oficina da empresa, coa copia do DNI e a última factura.

Tamén nas oficinas municipais atópanse follas de reclamación para presentar ante a consellería de Industria, que tamén se pode descargar a través da web municipal. Os veciños interesados poderán presentar estas follas no rexistro do Concello a través do Portelo Único coa Xunta. Recoméndase que se presenten todos os elementos que sufriron deterioración pola avaría. Estas reclamacións tamén poden presentarse a través dos seguros tanto de particulares como das empresas.

Desde o goberno de María Ramallo lembran que a empresa subministradora ten a obrigación de facer, ao finalizar o ano, mediante un cómputo establecido pola lei de baixa tensión, o abono pola parte correspondente á subministración non recibida. Unha vez que os clientes presentan a reclamación, a empresa subministradora ten un mes para ofrecer unha solución. No caso de que os clientes non queden satisfeitos poderán acudir a Consumo.

No pleno de marín, o BNG presentou unha moción apoiada por todos os grupos para tratar este tema. O Concello tamén está a traballar na reposición de varios elementos danados no municipio debido ao temporal. Desta forma, están a limparse os viarios das praias, arranxando a praza de abastos de Seixo e o estado en que quedou o areal de Portocelo.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora