Marín contará nos Premios Armada 2017 cunha "Mención Especial á difusión da imaxe da Armada". Será nun acto que se celebrará este mércores 13 en Madrid no Cuartel Xeral da Armada.
A alcaldesa María Ramallo asistirá para recibir esta distinción que se debe á especial colaboración que o Concello ofreceu durante os actos de celebración do 300 aniversario da Compañía de Gardamariñas. Segundo se indica desde a organización esta colaboración uniu máis a ambas as institucións e fortalece a proxección a nivel nacional e internacional de Marín.
A Escola Naval de Marín acolle a única academia da Armada e o centro universitario constitúe un campus que ofrece formación a numerosos estudantes que inician e finalizan as súas carreiras como oficiais da Armada, permanecendo durante cinco anos na vila marinense para recibir tanto formación universitaria como militar.
A recollida do premio obriga a pospoñer o pleno ordinario previsto para ese día. Por acordo de todos os grupos da corporación trasladarase ao xoves.