O Concello de Poio asume a reparación de deficiencias en Anafáns pola inacción de Sanidade

Poio
21 de agosto 2020

O goberno local pon en marcha a renovación da cuberta e a instalación de novo pavimento no centro de saúde de San Salvador e denuncia o "abandono" por parte da Xunta

Obras de acondicionamento no centro de saúde de Anafáns promovidas polo Concello de Poio
Obras de acondicionamento no centro de saúde de Anafáns promovidas polo Concello de Poio / Concello de Poio

O Concello de Poio asume a realización dunha serie de obras de mellora no centro de saúde Anafáns consistentes no arranxo da cuberta, a instalación de tarima flotante na sala das matronas e un novo chan para a sala de médicos.

A concelleira de Obras, Chelo Besada, sostén que o Concello vese obrigado a realizar estas obras, que son competencia de Sanidade, despois das demandas dos pacientes e os profesionais. "Os traballos de mantemento corresponden ao Concello, pero esta actuación excede as nosas competencias", remarcan desde o goberno local, que lamenta o "abandono e falta de interese" por parte da Xunta.

Estas deficiencias que están a ser emendadas polos operarios municipais súmanse ao problema crónico das esperas que se producen neste centro de saúde, que poden chegar a prolongarse durante máis dunha semana. "A veciñanza está a pagar o desinterese do Goberno en dotar a Poio do servizo sanitario que merece", denuncian.