O Concello de Poio cumpre co seu 'castigo' a Abanca polo peche en Campelo e retira 3 millóns de euros

Poio
01 de outubro 2021

O Concello de Poio deu a coñecer este venres que mantiveron reunións con outras entidades bancarias para que ver a posibilidade de ubicarse en Campelo. Ademais, iniciaron un convenio con Caixabank para diferentes operacións bancarias

Manifestación en Campelo polo peche da sucursal de Abanca Mónica Patxot

O Concello de Poio cumprirá coa decisión aprobada por toda a Corporación de retirar os fondos que tiñan na entidade bancaria de Abanca en sinal de protesta polo peche da oficina de Campelo. Na práctica, supón a retirada duns 3 millóns de euros, segundo os cálculos do alcalde, Luciano Sobral.

"Está claro que hai xestións que inda temos que manter coa Abanca, pero o que son os fondos retirarémolos", anunciou Sobral, que recordou que en todo o territorio municipal so quedan dúas sucursais de Abanca. Nos últimos anos as oficinas bancarias reducíronse a metade no municipio, co detrimento que isto supón para un Concello que dobra o seu número de habitantes na época estival. 

Sobral xustificou a decisión de toda a Corporación en que "non podemos permitir namentres que noutras oficinas manteñen peches parciais, o peche da oficina bancaria de Campelo sexa total" xa que esta presta servizo a milleiros de veciños e veciñas de toda a parroquia de San Xoan e moitos deles con unha idade avanzada con problemas para poder desprazarse a outras oficinas bancarias. 

O Concello tamén deu a coñecer este venres que mantiveron reunións con outras entidades bancarias para que ver a posibilidade de ubicarse en Campelo.

Ademais, iniciaron un convenio con Caixabank para diferentes operacións bancarias. En canto estean finalizados todos os  tramites, esta entidade comezará a traballar co Concello nas vindeiras semanas co obxectivo de poder eliminar todo tipo de xestións con Abanca.