O Concello de Poio negocia a cesión de parcelas privadas para acoller prazas de aparcamento

Poio
26 de febreiro 2020

O Concello lembra que as obras na PO-308 executadas pola Xunta de Galicia supuxeron a supresión de prazas, a pesar de que nas alegacións presentadas pola Administración local se solicitaba que se destinasen espazos para o estacionamento de vehículos

Policía Local de Poio diante dun espazo de aparcadoiro reservado para persoas con mobilidade reducida Policía Local de Poio

O Concello de Poio continúa avanzando nas xestións para dotar ao municipio de novos espazos destinados a acoller prazas de aparcamento. Nos últimos meses, o Goberno local mantivo conversas con propietarios de terreos situados nas diferentes parroquias para ampliar a bolsa de áreas destinadas a este servizo.

Actualmente, a vila conta con dez emprazamentos para esta prestación, cunha extensión total que supera os 21.277 metros cadrados. As parroquias de San Salvador e San Xoán cobren preto do 70% desta superficie, con cinco e dous espazos, respectivamente.

É na Seca onde se atopa a extensión máis ampla, con preto de 5.900 metros cadrados para acoller automóbiles.

Tal e como lembra o tripartito, a adquisición de terreos para aumentar os estacionamentos non é a única medida na que se está a traballar. Tamén se aposta pola reordenación de espazos, co obxectivo de optimizar a dotación de prazas e racionalizar o uso da vía pública.

Estas actuacións contémplanse no Plan de Mobilidade aprobado a principios do mandato vixente, que prevé inversións superiores aos 200.000 euros para facer realidade este obxectivo. "Levamos moito tempo traballando neste asunto e haberá resultados en pouco tempo", garanten os dirixentes, que lembran que as medidas débense aplicar en función das características de cada parroquia e das negociacións cos particulares, que "requiren tempo".

Os dirixentes municipais referíronse a esta cuestión a raíz dunha moción presentada polo grupo da oposición, na que, precisamente, esixía a creación de novas prazas. Neste sentido, o tripartito amosou a súa sorpresa pola petición, máxime despois de a Xunta de Galicia suprimise varios estacionamentos a raíz do proxecto de reforma executado na PO-308.

"Sucedeu no tramo entre Raxó e Samieira e vai suceder outro tanto nas obras entre Combarro e A Fontenla, a pesar de que o Concello presentou alegacións solicitando que se respectasen eses espazos", lembrou o Goberno local.