O Concello de Pontevedra reitera que a permanencia de Elnosa é imposible en Lourizán

Pontevedra
21 de xaneiro 2016

Tanto o alcalde Miguel Anxo Fernández, como a concelleira de Urbanismo, Carmen da Silva, deixan claro á dirección da electroquímica que a súa continuidade é imposible, tanto por criterios urbanísticos en primeiro lugar; como políticos, polo posicionamento do goberno pontevedrés

Elnosa en Lourizán PontevedraViva

As perspectivas da dirección da multinacional lusa CUF, propietaria de Elnosa, de convencer ao alcalde pontevedrés para manterse na súa localización de Lourizán, non teñen ningunha posibilidade de prosperar de acordo ás palabras que se reiteraron este xoves 21 desde o Concello da capital. O criterio municipal segue sendo invariable e con esa rotundidade Miguel Anxo Fernández respondeu: "aínda que o alcalde quixese, que non quere, é imposible desde o punto de vista urbanístico".

Vinte e catro horas despois de que Joao de Mello, presidente do Consello de Administración de CUF, mostrase a representantes da prensa de Pontevedra as instalacións da factoría de Estarreja, onde se utiliza a tecnoloxía con membranas que contemplan substituír na factoría de Lourizán; o Concello ratificouse na súa negativa, en voz tamén da concelleira de Urbanismo, Carmen da Silva.

A edil lembrou que durante a etapa de Manuel Fraga na presidencia da Xunta, cando se aprobou o proxecto sectorial de supramunicipalidad, xa deixaron fóra a Elnosa, "e pretender que agora permaneza aí, non ten espazo legal". Da Silva, lembraba que segundo os técnicos do Concello a súa localización actual imposibilita a súa permanencia "use a tecnoloxía que use" e que todo o asentamento industrial está pendente dun PERI (Plan Especial de Reforma Interior).

Desde o goberno local, tamén evidencian unha postura blindada á posibilidade de entrevistarse con directivos da electroquímica: "a empresa está a ter un comportamento totalmente irrespetuoso co Concello e co alcalde. Cando cambien pensarémolo. Ata agora só estiveron insultando e mentindo; e non é serio", concluíu Fernández Lores.