O Concello de Vilagarcía pide á cidadanía acatar as novas restricións e mostra o seu apoio a hostaleiros e comerciantes

O Salnés
13 de xaneiro 2021

O número de casos activos reduciuse este mércores dos 110 aos 108 despois de varios días consecutivos de subidas do número de positivos

Terraza en A Baldosa, en Vilagarcía de Arousa
Terraza en A Baldosa, en Vilagarcía de Arousa /

Vilagarcía volve estar en alerta vermella pola elevada incidencia de covid-19 rexistrada nos últimos días na capital arousá. Despois de recibir a noticia, o alcalde Alberto Varela pediu á cidadanía non baixar a garda e cumprir as normas como única maneira de frear o avance da pandemia no municipio. 

Asumen desde o goberno local que as interaccións sociais do Nadal están detrás do forte incremento de casos dos últimos días, con 110 positivos e máis de 600 veciños en observación. Aínda así, as cifras deron un respiro este mércores cun lixeiro descenso ata os 108 casos activos que permiten albergar esperanzas de que se poida dobregar a curva de contagios pronto.

Para conseguilo, o Concello apela á responsabilidade individual e colectiva. No seu discurso, Varela non quixo esquecerse do sector hostaleiro e do comercio local, "que van sufrir as consecuencias das limitacións de horarios e de mobilidade", lamentou.