O Concello e a Deputación asinan o convenio para a remodelación do viario perimetral da praza de Barcelos

Pontevedra
27 de abril 2022

O investimento do acordo entre as dúas institucións ascende a cantidade total de 2.071.876 euros que se corresponde co orzamento de execución da obra, financiada de xeito íntegro pola entidade provincial 

Miguel Anxo Fernández Lores e Carmela Silva
Miguel Anxo Fernández Lores e Carmela Silva

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinaron este mércores o convenio de colaboración por 2.071.876 euros que se corresponde co orzamento de execución da obra de remodelación do viario perimetral da praza de Barcelos, financiada de xeito íntegro pola entidade provincial.

Carmela Silva lembrou que aínda queda algún convenio por asinar neste ano 2022, "levamos 26 convenios asinados desde que comezamos a gobernar de xeito conxunto, no ano 2016". No primeiro mandato foron 14 convenios, que ascenden a 10,6 millóns de euros, e que teñen con ver con distintos eidos; neste segundo mandato, ata hoxe, levan máis de 8 millóns de euros, distribuídos en 12 acordos. En total, a Deputación leva postos a disposición do Concello máis de 18 millóns de euros, "algo que facemos con absoluta lealdade cara ao Concello de Pontevedra, respectando a autonomía local, decidindo o Concello onde se invisten e de que xeito", destacou a presidenta provincial.

Pola súa banda, Fernánde Lores lembrou que esta primeira obra entra dentro dese proxecto global de rehabilitación de todo Barcelos, que comezará en breve coa reforma das vías perimetrais este e sur. 

O alcalde apuntou que "neste momento é prioritaria a actuación neste sentido, e traerá unha mellor calidade de vida os veciños e veciñas da zona, pero tamén para toda a cidade, claro está".

Lores dixo estar "convencido" de que esta reforma "xerará un aumento da actividade económica" e engadiu que "é moito máis doado gobernar unha cidade en colaboración con esta Deputación, planificando un modelo urbano e contar co seu apoio desde o minuto un".

"Están a ser anos moi produtivos para a toda a cidade de Pontevedra", remachou o alcalde.

A remodelación do viario perimetral da praza de Barcelos terá un prazo de execución de 12 meses. Redeseñouse toda a circulación, ampliando as beirarrúas, sobre todo no borde sur por ser onde se atopan os negocios de hostalería, de cara a propiciar a instalación de terrazas. En canto aos aparcadoiros de servizos, quedarán colocados na beirarrúa oposta á que linda co negocio para interferir o menos posible na súa actividade.

No referente ao tráfico, manterase un único carril con entrada desde a rúa Perfecto Feijoo e saída cara a rúa Cobián Roffignac. Manteranse as actuais entradas e saídas do aparcadoiro soterrado e desaparecerá a circulación desde a rúa Benito Corbal cara a rúa San Antoniño.