O Concello e a Deputación asinarán o mércores o convenio para sanear o Gafos ao que renunciou a Xunta

Pontevedra
04 de xullo 2016

O convenio inclúe o saneamento do río dos Gafos e das parroquias de Mourente e Bora. O proxecto relativo a Mourente están orzado en 987.982 euros e o do Gafos en 1,1millóns de de euros. As institucións local e provincial asumirán os gastos a partes iguais, de modo que o convenio asinarase cunha achega de 1.057.078,50 euros de cada unha

Río dos Gafos
Río dos Gafos / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial asinarán esta semana, o mércores 6 ás 11.00 horas, o convenio de colaboración polo que executarán o saneamento do río dos Gafos entre o límite co termo municipal de Vilaboa e a estación de autobuses. É o proxecto que inicialmente tiña previsto asumir a Xunta de Galicia a través de Augas de Galicia, pero ao que finalmente renunciou ante o "reiterado incumprimento" do Concello da capital. 

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou o pasado venres o convenio polo que ambas as institucións financian o proxecto ao 50 por cento. Este luns foi a Xunta de Goberno local a que deu o visto e prace. Con ambas as aprobacións, xa se pode asinar o convenio de colaboración e poñer en marcha o proxecto tras anos , pois era unha actuación cofinanciada dentro do marco do programa Operativo Feder Galicia 2007-2013.

Segundo os datos achegados polo portavoz do goberno local, Raimundo González, o convenio inclúe o sanemiento do río dos Gafos e das parroquias de Mourente e Bora. Esta última actuación transcorre paralela á estrada N-541 polos núcleos poboacionais de Carabelos, Pazo e Eirós en Mourente e Leirados en Bora.

Ambos os proxectos xa foron elaborados polo Concello de Pontevedra e o de Mourente está xa en fase de licitación, tan só pendentes de informes técnicos para valorar as ofertas presentadas. No caso do saneamento do río dos Gafos, está pendente de informes de contratación de intervención para saír a licitación.

O proxecto relativo a Mourente está orzado en 987.982,53 euros e o do río dos Gafos en 1.126.174,48 euros, o que implica un gasto total de 2.114,157,01 euros. O Concello e a Deputación asumirano a partes iguais, de modo que o convenio asinarase cunha achega de 1.057.078,50 euros de cada institución.