O Concello elixe lousas ecolóxicas para a nova praza diante do Hospital

Pontevedra
04 de decembro 2015

As obras da futura praza prevista diante do Hospital Provincial camiñan a bo ritmo e, de non xurdir imprevistos, poderían estar rematadas a finais de febreiro. Comezou a instalación de lousas no que será un novo espazo público

Obras en Loureiro Crespo
Obras en Loureiro Crespo / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra anunciou que está a implantar un formigón de alta resistencia, que contribúe activamente a eliminar de contaminantes da atmosfera. "É un elemento altamente ecolóxico xa que a súa composición incorpora materiais procedentes da reciclaxe, especialmente de sectores da construción e industrial", sinalan nun comunicado da Concellaría de Obras.

As obras da praza estarán paradas durante as festas de Nadal, dende o 18 de decembro até o 11 de xaneiro. O parón navideño está recollido no convenio da construción.

A reforma prevista diante do Provincial abarca desde a rúa Cobián Areal até a entrada das Urxencias do hospital. Crearase unha praza pública de 1.200 metros cadrados que disporá de mobiliario urbano e de árbores para tratar de crear zonas de sombra. Construirase unha plataforma única con diferentes pavimentos: formigón, granito e lousa.