Proxectan prolongar a praza peonil do Hospital Provincial ata o cruzamento de Antón Fraguas

Pontevedra
27 de xaneiro 2016

Así o recoñeceu o concelleiro de Obras, Luís Bará, nunha visita aos traballos que se están levando a cabo fronte ao Hospital e que estarán concluídos en marzo segundo as previsións da empresa

Obras en Loureiro Crespo, diante do Hospital Provincial
Obras en Loureiro Crespo, diante do Hospital Provincial / PontevedraViva

A intención do Concello de Pontevedra pasa por ampliar o próximo ano a praza peonil que se está habilitando estas semanas fronte ao Hospital Provincial, na rúa Loureiro Crespo.

Así o explicou o concelleiro de Obras, Luís Bará, nunha visita aos traballos da fase inicial e que segundo as previsións estarán concluídos en marzo.

A ampliación da praza faríase dentro do proxecto de reforma que se está elaborando para Loureiro Crespo, para levar a cabo o próximo ano.

"A nosa intención é que este mesmo tratamento se prolongue ata o cruce con Antón Fraguas, co cal teríamos o dobre de espazo co mesmo tratamento de prataforma única, prioridade peonil e con tráfico de servizos", sinalou o edil.

Bará sinalou que a idea do goberno local é "consultar coa veciñanza", pero recoñece que os técnicos municipais xa traballan no proxecto.