O Concello lembra á Xunta que a reforma do Froebel téñena paralizada desde o 2011

Pontevedra
28 de decembro 2022

O concelleiro de Educación, Tino Fernández, sae ao paso da acusación do executivo autonómico para lembrar o atraso na execución do proxecto e o "escrupuloso" cumprimento por parte do Concello das súas competencias en materia de educación

Zona mollada diante dunha das aulas do centro escolar
Zona mollada diante dunha das aulas do centro escolar / PontevedraViva

A acusación por parte da Xunta de Galicia ao Concello sinalándoo como responsable do mal estado do colexio Froebel levantou bochas no goberno local.

Nun comunicado, o executivo autonómico aseguraba que a falta de mantemento (limpeza de canlóns e baixantes) da cuberta por parte do goberno municipal está a ocasionar a entrada de auga no colexio, o que fai preciso unha rehabilitación maior da inicialmente prevista".

A resposta por parte do concelleiro de Educación, Tino Fernández, non tardou en chegar. Este mércores, o edil remarcou que "os problemas que ten o Froebel son pola inacción, incapacidade, inutilidade e inoperancia da Xunta de Galicia".

Continuou o socialista lembrando que as obras de rehabilitación neste centro educativo "están pendentes desde o 2011". Por iso, considera que "botarlle as culpas no 2023 ao Concello dunha obra que leva sen facerse desde o 2011 é ter a cara moi dura".

Neste sentido, puntualizou Fernández que "o Concello sobrepasa en todos os colexios as súas competencias, que son mantemento e conservación" polo que insta á Xunta a "facer o seu traballo en vez de meterse con outras administracions" porque "se o tiveran feito, non estariamos a falar do que estamos a falar", resolveu. 

Tirando de ironía, Tino Fernández comparou o atraso na execución desta reforma con "o Escorial ou Montecelo" e insistiu en que "me parece de bastante mal gusto, de mala educación e moi pouca cortesía, intentar esquivar as súas responsabilidades culpando a outras administracions que cumplimos máis que escrupulosamente coas nosas competencias e que sempre nos motramos dispostos a colaborar coa Xunta e con quen sexa para mellorar a educación pública".