Representantes do comité de empresa de Cespa-Ferrovial mantiñan un encontro na mañá deste mércores 2 coa alcadesa en funcións Carme da Silva, delegada do servizo de limpeza viaria e co portavoz do goberno local, Raimundo González, para trasladarlles en persoa as queixas polos problemas que a adxudicataria do servizo de recollida de lixo no municipio está a mostrar coa falta de cobertura do persoal que se atopa de vacacións ou de baixa e pola falta de funcionamento de maquinaria de limpeza.
A reunión levaba a cabo por petición urxente do propio goberno local ao coñecer o manifesto realizado polo comité de empresa. Carme da Silva á saída do encontro indicaba que queren coñecer agora as razóns que están a levar á empresa a que o persoal estea a realizar esforzos para desenvolver o seu traballo. A alcaldesa en funcións aclarou que o Concello está a pagar con puntualidade e afirmou que non hai razóns para que se reduza a maquinaria ou para que non se cubran as baixas de traballadores.
Da Silva indicou que pedirán agora un encontro coa dirección da empresa para coñecer que está a provocar unha situación. Abrirase un expediente informativo que podería derivar en sancións no caso de que se comprobe que se está a incumprir sen causa xustificante o contrato de concesión. En ningún caso, apuntou a representante do goberno local, modificaranse as condicións dese contrato.
Javier Dapena, como representante da CIG no comité de empresa, sinalaba que no verán están a traballar só 80 dos 90 operarios previstos para estas datas obrigando a realizar un sobreesfuerzo a este persoal. En todo caso, asegurou que con motivo das festas, o servizo estará garantido porque Cespa-Ferrovial adoita reforzar o persoal, durante esa semana, contratando máis traballadores.
FOLGA EN POIO
Pola súa banda, Juan Carlos Corredoira, delegado de UGT, manifestaba que xa está solicitada a convocatoria de folga de lixo en Poio, derivada da ruptura de negociacións coa empresa Valoriza, encargada do servizo de recollida de lixo.
A folga indefinida comezará o 16 de agosto, coincidindo co remate das festas da Peregrina. Segundo Corredoira, a situación de tensión coa empresa vai provocar unha folga longa e conflitiva.