O Concello mellorará a recollida de augas pluviais e residuais do Gran Montecelo

Pontevedra
07 de xullo 2023

O goberno local acaba de aprobar unha actuación que contará cun orzamento próximo aos 800.000 euros e a obra contratarase "canto antes"

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Cristina Saiz

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, informou este venres da aprobación en Xunta de Goberno Local dun proxecto de mellora para a recollida de pluviais e augas residuais no novo hospital de Montecelo.

"A ninguén se lle escapa que ao aumentar a edificabilidade haberá un volume maior de augas", sinalou o rexedor, polo que "é preciso acometer esta mellora antes do inverno para evitar que haxa problemas con pequenas inundacións".

Así, o goberno local acaba de aprobar unha actuación que contará cun orzamento próximo aos 800.000 euros e a obra contratarase "canto antes". 

Os traballos inclúen un aumento da rede de fecais en 90 metros e unha ampliación das canalizacións de pluviais en 800 metros para evitar que o río Marco reciba vertidos. 

NOVA OFICINA DE XESTIÓN DE FONDOS EUROPEOS

Nesta mesma comparecencia o alcalde deu conta da decisión de crear un programa temporal de xestión e tramitación de fondos europeos, unha tarefa "complexa e esixente", que provocou algún atasco nalgúns servizos municipais. "Somos conscientes de que precisamos un reforzo importante para garantir a tramitación destes fondos", xustificou.

O programa durará, en principio, catro anos. Serán contratados un técnico do grupo A, un enxeñeiro e un administrativo, para a xestión dos fondos concedidos. A contratación do persoal iniciarase de inmediato. 

"Valoramos moi positivamente o logrado ata o de agora. Temos, en EDUSI, unha execución por encima da media do Estado", indicou Lores.