O Concello non desbota reclamar nos tribunais que a Xunta asuma os gastos provocados pola pandemia

Pontevedra
07 de febreiro 2022

Ademais de fundamentar unha nova reclamación ao goberno galego para que asuma estes gastos, Anabel Gulías acabou recoñecendo que "pediremos de novo o reintegro de eses cartos" e engadiu que, en caso dunha nova negativa, "o seguinte paso" será acudir á vía xudicial

Anabel Gulías, portavoz do goberno local de Pontevedra
Anabel Gulías, portavoz do goberno local de Pontevedra / Mónica Patxot

Algo máis de 130.000 euros será o gasto que deberá asumir o Concello de Pontevedra, entre o 1 de febreiro e o 30 de xuño, para custear os traballos de limpeza e desinfección dos colexios do municipio, dentro do protocolo de actuación derivado da pandemia.

Farao a través dun contrato que se licitou polo procedemento de emerxencia. "Esperabamos que non fora necesario pola situación actual da pandemia pero temos que facelo", sinalou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías.

Durante estes case dous anos convivindo coa covid-19, lembrou a edil do BNG, o Concello "puxo todos os recursos que tiñamos enriba da mesa" para financiar todo tipo de gastos relacionados coa pandemia, a pesar de que "non era a nosa competencia".

Gulías volveu a denunciar, en nome de todo o executivo municipal, que Pontevedra, do mesmo xeito que o resto de concellos galegos, "asumimos moito máis gasto" sen recibir ningunha asignación por parte da Xunta que, no seu caso, si recibiu dos Estado fondos extraordinarios.

Por iso é polo que o Concello volvese a reclamar "insistentemente" que estes gastos non deben ser soportados pola administración municipal, xa que iso redunda nunha "merma" da capacidade dos concellos para prestar servizos aos seus cidadáns.

Ante a negativa da Xunta a financiar estes gastos, ao entender que si son competencia dos concellos, como recollen nun escrito remitido a Michelena 30 tras unha primeira reclamación, os servizos xurídicos do Concello están a estudar os pasos para seguir.

Ademais de fundamentar unha nova reclamación ao goberno galego, Anabel Gulías acabou recoñecendo que "pediremos de novo o reintegro de eses cartos" e engadiu que, en caso dunha nova negativa, "o seguinte paso" será acudir á vía xudicial.

O Concello asegura que "non queremos chegar a ese punto", polo que confían que a Xunta atenda as queixas presentadas por Pontevedra e accedan, polo menos, a compartir eses gastos.