O Concello ofreceu á Xunta ata cinco parcelas para construír vivendas sociais

Pontevedra
31 de maio 2018

O edil de Patrimonio, Vicente Legísima, asegurou que o goberno municipal segue "aberto" a ceder terreos "que poidan servir" para construír vivendas sociais e insiste en que "absolutamente" non é culpa do Concello que estes proxectos estean paralizados

Vicente Legísima
Vicente Legísima / Alejandro Vila

Non sentou nada ben no goberno municipal que a Xunta responsabilice ao Concello de Pontevedra da falta de vivendas de promoción pública na cidade. 

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, explicou que existe un acordo polo cal se cederán parcelas en Monte Porreiro para que o concello as dedique a zonas verdes e, a cambio, a Xunta recibirá parcelas de titularidade municipal para a construción de vivenda de promoción pública.

Polo momento, sinalou, o Concello segue sen ceder os terreos comprometidos a cambio das parcelas da Xunta e non facilitou aos técnicos do IGVS o acceso ás parcelas municipais para a súa valoración.

O edil de Patrimonio, Vicente Legísima, asegurou que o goberno municipal segue "aberto" a ceder terreos "que poidan servir" para construír vivendas sociais e insistiu en que "absolutamente" non é culpa do Concello que estes proxectos estean paralizados.

Lembrou que o Concello ofreceu ata cinco parcelas ao IGVS a cambio dos terreos de Monte Porreiro. Dúas delas mesmo figuran no convenio remitido pola Xunta en 2014 que, posteriormente, quedou en nada. Trátase dun terreo de 3.220 metros cadrados en Valdecorvos e outro en Tafisa, cun aproveitamento de 5.846 metros cadrados.

A eles súmanse outra parcela en Conde Bugallal, outra en Campo do Boi -esta última incluída nun borrador de convenio presentado en 2008- e unha quinta nas inmediacións da igrexa de Virxe do Camiño. Esta última, segundo o edil do BNG, é " pequena" e recoñece que é difícil que puidese destinarse para este tipo de vivendas.

"Non podemos ofrecer o que non temos", sinalou Vicente Legísima ao ser preguntado se se poderían chegar a ofrecer máis terreos. Iso si, reiterou que o goberno municipal mantén "toda a nosa disposición" para chegar a un acordo coa administración autonómica nesta materia.

A este respecto, avanzou que o Concello dirixirase á Xunta, a través da xefa do servizo de Patrimonio, para "refrescarlles a memoria" e lembrarlles o acordo alcanzado entre ambas as partes en 2014 e recollido nun convenio que nunca chegou a asinarse.