A concelleira de Urbanismo do Concello de Pontevedra, Carme da Silva, pechou calquera opción de suspender a licenza de contrución da futura planta de compostaxe da Canicouva, tal e como solicitou o Partido Popular a través dunha moción que será debatida no Pleno municipal.
Da Silva explicou que ao tratarse dunha instalación municipal non é necesario solicitar licenza algunha. "Supoño que iso o Partido Popular o saberá, estando na comisión de urbanismo e sendo o seu portavoz deputado", engadiu a preguntas dos medios de comunicación.
"O urbanismo sabedes que é regrado, e se se denega unha licenza que se pode conceder eso non me acordo que figura delitiva é, pero seguro que algunha", completou a edil.
Tras esta explicación Carme da Silva engadiu a satisfacción do goberno local porque "se sigan dando pasos para que Pontevedra nun período de tempo máis corto que longo poida optar por un tratamento de residuos donde a materia orgánica se trate da forma que desde o punto de vista medioambiental é máis correcta".