O Concello promocionará as xoias do románico en Cerdedo-Cotobade

Cerdedo Cotobade
22 de xaneiro 2022

O Concello editará trípticos e realizará visitas guiadas que terán como protagonistas á Igrexa de San Martiño de Rebordelo, á de Santa María de Sacos, á de Santa Mariña de Tomonde e o mosteiro de San Pedro de Tenorio

O alcalde anunciou que o Concello promocionará as xoias do románico en Cerdedo-Cotobade
O alcalde anunciou que o Concello promocionará as xoias do románico en Cerdedo-Cotobade / Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, impulsa estes días cos técnicos municipais un proxecto que verá a luz no verán e que irá orientado a poñer en valor e difundir as igrexas do romático no municipio.

O proxecto xirará en torno ás igrexas de San Martiño de Rebordelo, Santa María de Sacos e Santa Mariña de Tomonde e o mosteiro de San Pedro de Tenorio e reforzarase coa edición de trípticos monográficos sobre os elementos arquitectónicos e artísticos que posúen estes edificios relixiosos.

Ademais, establecerase un servizo de guías para as persoas que se acheguen ata cada unha destas igrexas

A intención do alcalde é que este traballo teña un aproveitamento desde o punto de vista da dinamización económica do municipio a través da atracción de turistas que se acheguen ata as Terras de Pontevedra na procura de ofertas turísticas relacionadas coa natureza e a arte.

Esta iniciativa complementarase coas xa iniciadas con anterioridade como foron a recuperación das pontes medievais sobre o río Lérez (Serrapio-Pedre, Fentáns e Parada de Cerdedo) e a actuación en profundidade en varios petróglifos nos que o Concello investiu uns 40.000 euros.

A oferta turística no entorno do río Lérez completarase cunha segunda actuación duns 50.000 euros a través do Pacto pola Paisaxe, que mellorará o entorno da ruta entre Cabanca e Cavadosa, así como con varias rutas de sendeirismo que cohabitarán cos Roteiros Saudables de Almofrei, Augasantas, Borela, Carballedo, Cerdedo, Famelga, Parada de Tenorio, Quireza, Valongo e Vilanova e tamén coa recuperación e posta en funcionamento dos Baños do San Xusto.