O Concello proxecta construír un parque canino nos antigos terreos de Tafisa

Pontevedra
05 de maio 2020

Medio Natural destina case 48.000 euros á contratación do proxecto. A Concellería de Desenvolvemento Sostible confiou a obra á firma especializada Naturgalia, que dotará á área de paseo e xogo para cans de diversos elementos de exercicio e dunha pérgola

Iván Puentes visita os terreos do futuro parque canino Concello de Pontevedra

A cidade de Pontevedra inaugurará este ano o seu primeiro parque canino nunha parcela duns 4.300 metros cadrados situada nos antigos terreos de Tafisa, na avenida de Bos Aires.

A concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural acaba de contratar á empresa Naturgalia a execución dun proxecto que suporá un investimento de 47.849 euros e que se traducirá na creación dun espazo de paseo e xogo para cans con diversos elementos de exercicio, un peche perimetral de malla translúcido, pavimento de xabre estabilizado, tres bancos, luminarias solares, fonte e papeleiras.

Búscase un deseño sen actuacións agresivas e o máis respectuoso posible coa contorna.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, explicou que o contrato contempla o subministro e instalación de tres bancos de madeira e pés de fundición, dunha fonte adaptada para bebedoiro de animais de compañía, dunha papeleira cilíndrica e de tres luminarias solares con apagado automático.

Disporá dun elemento de salto e tres postes para ouriñar.

Segundo apunta o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, "a actuación proposta non precisa de ningún tipo de permiso de Patrimonio, pero si hai afección sectorial no que atinxe a Costas, xa que a parcela se sitúa dentro do límite da servidume de protección e debemos contar coa autorización do órgano competente".