O Concello recepcionará de oficio os terreos de Tafisa ante as "largas" da empresa

Pontevedra
14 de xullo 2015

No Concello de Pontevedra cansáronse de esperar para recepcionar os terreos de Tafisa. Segundo a concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, a empresa deu "largas" ás "reiteradas insistencias" do goberno municipal para fixar unha data para recibir todo este ámbito e abrilo ao público. E por iso, tomaron a decisión de actuar de oficio e tomarán posesión de toda esta urbanización "se presente a empresa ou non" o día sinalado

Solar de Tafisa PontevedraViva

No Concello de Pontevedra cansáronse de esperar para recepcionar os terreos de Tafisa. Segundo a concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, a empresa deu "largas" ás "reiteradas insistencias" do goberno municipal para fixar unha data para recibir todo este ámbito e abrilo ao público. E por iso, tomaron a decisión de actuar de oficio e tomarán posesión de toda esta urbanización "se presente a empresa ou non" o día sinalado.

Carme da Silva lamentou que "cuestión internas" entre a promotora e a construtora estean privando os pontevedreses de gozar desta zona da cidade, que mesmo o Concello quixo utilizar recentemente para unha proba deportiva e non puido facer uso dela.

Así, remitiráselles un requirimento no que se fixará día e hora para esta recepción. A partir de aí, dixo, o goberno municipal poderá abrir ao público os novos viais de todo este ámbito e dar a orde para executar a limpeza destas parcelas.

De feito, o novo contrato de xardíns que se adxudicará esta mesma semana xa inclúe todo este ámbito dentro do espazo a manter. Nel incluíronse tamén as parcelas que, a pesar de non ter uso definido, son de titularidade municipal.

Ademais, a pesar de que os técnicos municipais deron o visto e prace aos traballos realizados pola empresa, a edil do BNG apuntou que existe un aval "suficiente" para resolver problemas que poidan xurdir ao facerse cargo destes terreos.