O Concello rexeita o modelo de xestión do ciclo da auga que planea a Xunta

Pontevedra
04 de novembro 2019

A concelleira, Carme da Silva, critica que o goberno autonómico obrigue ás Deputacións para adquirir accións e ameace aos concellos con devolverlle a titularidade das depuradoras senón participan na sociedade

Estación depuradora dos Praceres (EDAR) Marea Pontevedra

O Concello de Pontevedra rexeita o anteproxecto de creación da sociedade de xestión do ciclo da auga que planea a Xunta de Galicia para controlar as redes de depuración e saneamento de toda Galicia. Así o comunicou este luns a concelleira do Ciclo da Auga, Carme da Silva, que considera o documento "unha chapuza", coa que o goberno autonómico pretende facer pagar á administración local que "Feijoo non teña os deberes feitos", recalcou a edila nacionalista.

Os motivos polos que o Concello remitirá un informe desfavorable sobre este anteproxecto á Fegamp, para que logo o póña en coñecemento da Xunta, pasan, en primeiro lugar, porque o texto obriga ás Deputacións a adquirir accións desta sociedade mercantil para formar parte da súa administración. Ademais, a única vía para que os concellos se adhíran á empresa pasa pola compra de accións aos organismos provinciais. Tampouco están de acordo con que sexa a Xunta quen fixe as tarifas e que manteñan o canon e a taxa do coeficiente de verteduras.

Os gastos de mantemento e ampliación das estacións depuradoras, explicou da Silva, correrán a cargo das tres institucións integradas na sociedade a partes iguais, salvo que se chegue a un acordo entre as partes. "Isto é que aos amigos non lles van facer pagar e aos outros, si?", cuestionou a concelleira. Tampouco aceptan no Concello de Pontevedra a ameaza de reverter a titularidade das depuradoras aos Concellos que se neguen a participar na nova sociedade mercantil.

No caso das depuradoras de Pontevedra, a de Praceres e Arcade, da Silva asegurou en ningún caso o Concello aceptará a xestión destas estacións sen recibir unha contrapartida. "O Concello investiu millóns de euros na rede de saneamento, e exercemos as competencias que nos corresponden", declarou esixindo á Xunta que cumpra coas súas obrigacións. De acordo coa lei, a transferencia da titularidade da EDAR dos Praceres á Xunta efectuouse no 2007, mentres que a de Arcade, que depura as augas de Ponte Sampaio, xa foi construída por Augas de Galicia, "polo que neste caso non hai nada que reverter", concluíu da Silva.