O conselleiro de Industria vai reunirse con altos cargos de Sonae para intentar que Tafisa non peche

Pontevedra
18 de xuño 2014

O conselleiro Francisco Conde tamén comunicou aos representantes do comité de empresa de Tafisa que traballa tamén na liña de buscar un inversor interesado en manter a actividade industrial na fábrica de Ponte Caldelas

Xuntanza do comité de empresa de Tafisa co Conselleiro de Industria, Francisco Conde
Xuntanza do comité de empresa de Tafisa co Conselleiro de Industria, Francisco Conde

A Consellería de Economía e Industria está a traballar en dúas liñas para manter a fábrica de Tafisa en Ponte Caldelas, segundo informou este mércores o conselleiro Francisco Conde aos representantes do comité de empresa durante a reunión mantida en Santiago.

Por un lado, o titular de Industria intenta que o Grupo Sonae poida dar marcha atrás na súa decisión de pechar a fábrica da Reigosa a través dun plan de viabilidade. O representante da Xunta indicou hoxe aos sindicatos que leva xa dúas reunións con directivos da empresa e que, ao longo desta semana, manterá unha terceira con membros do consello de administración do Grupo Sonae coa intención de ofrecerlles ferramentas que poidan garantir o futuro da empresa na provincia de Pontevedra. E se esta opción non prospera, Francisco Conde indicoulle aos membros do comité que tamén está a traballar na busca dun inversor que poida estar interesado en manter a actividade da fábrica.

O presidente do comité de empresa, José Manuel Moledo, á saída do encontro co conselleiro indicou que o responsable de Industria tamén lles manifestara que calquera solución é moi complicada porque "cando unha multinacional decide cerrar é complicado que dea marcha atrás". Moledo reclamou da Xunta que tamén solicite garantías á empresa da continuidade da fábrica de Betanzos por se é necesario o traslado dalgúns traballadores de Ponte Caldelas ata esa factoría dentro do plan de viabilidade.

Nas próximas horas está previsto que a Xunta propoña un mediador laboral á empresa e aos traballadores para que poida regular as próximas reunións sobre o peche da fábrica. Esta proposta será un dos puntos principais do encontro de mañá no Hotel Rías Bajas a partir das 17.00 horas. Os traballadores manterán, como veñen facendo nas últimas semanas, concentracións e manifestacións de protesta no ámbito da rúa Castelao e Peregrina.