O conselleiro de Sanidade recoñece que existe preocupación pola incidencia do virus no Salnés

Pontevedra
18 de novembro 2020

Julio García Comesaña explicaba este mércores as medidas que se adoptarán en Sanxenxo, que pasará a sumarse aos 67 concellos de Galicia que contan con peche perimetral desde hai 12 días. A vila turística suma 14 novos casos nos últimos tres días e 69 nos últimos 14 días. O conselleiro afirmou que a saída das restricións será progresiva se así o permiten os datos a partir do 4 de decembro

Rolda de prensa das autoridades sanitarias da Consellería de Sanidade
Rolda de prensa das autoridades sanitarias da Consellería de Sanidade

A partir desta noite, Sanxenxo formará co municipio veciño do Grove un peche perimetral ante os datos que veñen rexistrando durante os últimos días. O conselleiro de  Sanidade Julio García Comesaña confirmaba este mércores a decisión adoptada durante a tarde do martes polo comité clínico da Xunta de Galicia.

Segundo os datos ofrecidos pola directora xeral de  Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, o municipio de Sanxenxo rexistrou 14 novos casos no últimos tres días e 69 nas dúas últimas semanas. Unhas cifras que foron as que finalmente levaron á Consellería a adoptar a decisión de que esta vila se incorpore aos 67 outros concellos de Galicia que se atopan pechados perimetralmente. 

A partir da medianoite estableceranse as medidas restritivas con peche de hostalería, reunións só entre conviventes, capacidade dun terzo nos lugares de culto e límite de saída da área perimetral salvo en causas xustificadas. 

García Comesaña manifestou a súa preocupación pola situación sanitaria no Salnés xa que se pasou dunha incidencia acumulada do 57,5 a 63,9 en 3 días, e de 131'5 a 143 nos últimos 7 días.

En canto á situación do Concello de Pontevedra, os datos que manexa a Consellería sinalan que a situación se mantén estable aínda que recoñecen un incremento na incidencia a tres días. 

O conselleiro indicou que a situación en Galicia está a estabilizarse cunha tendencia ao descenso pero alertou á cidadanía de que o número de contaxios segue sendo moi elevado e realizou un chamamento á prudencia. Mostrouse satisfeito porque as medidas están a facer efecto cunha baixada no número de ingresos nos hospitais aínda que se incrementou a utilización de camas nas Unidades de Coidados Intensivos nun 9,30%, cifra que espera comece o seu descenso para partir do día 15 da adopción das medidas restritivas. Actualmente, Galicia conta con 102 pacientes covid nas áreas de UCI dos hospitais. As áreas de A Coruña, Ferrol, Pontevedra e Vigo foron as que máis incremento detectaron nos últimos días neste servizo, segundo os datos da Consellería.

Aclarou que a partir do 4 de decembro, cando se cumpre o mes previsto das restricións, realizarase a  desescalada de maneira progresiva e sempre tendo en cuenta os datos que se rexistren tanto en número de casos como na presión na capacidade asistencial das diferentes áreas sanitarias. En todo caso, García Comesaña insistiu en que "o Nadal deste ano non será como a do ano pasado, sen ningunha dúbida".

O máximo representante da sanidade galega explicou que zonas como a de Vigo ou Lugo tamén ofrecen datos de índice reprodutivo por encima da media e que, por tanto, segue sendo importante cumprir con todas as medidas. "Baixan os positivos, baixan os falecementos pero temos que continuar cos esforzos. Estas medidas son duras pero son necesarias", apuntou Julio García Comesaña que puxo como exemplo o descenso "espectacular" que se está rexistrando no Carballiño, municipio que está a servir de exemplo en canto ás medidas restritivas para o resto de Galicia.