O Concello de Sanxenxo anunciou a súa intención de poñer en marcha nos próximos días un directorio da hostalería local que ofreza servizo a domicilio ou recollida no establecemento que se compartirá nas redes sociais e actualizarase periodicamente.
O goberno local quere colaborar desta forma co sector que deberá manterse pechado ao público para consumo no local tras as últimas restricións sanitarias aplicadas en Sanxenxo.
Os establecementos interesados en que se difundan os servizos que ofertan durante este período deberán enviar un correo a [email protected], poñendo como asunto "Directorio" e proporcionando os seguintes datos: Nome da cafetería, tapería ou restaurante, lugar, teléfono e horario. O local sumarase ao directorio que se compartirá nas redes sociais municipais buscando a maior difusión.
A información actualizarase periodicamente coa incorporación dos locais que así o desexen, pero tamén con posibles cambios nos horarios ou servizos dos establecementos incluídos no directorio.