O Consello de Goberno da Universidade de Vigo deu un paso adiante este martes no proceso de tramitación do novo Grao en Deseño de Creación do campus de Pontevedra. Os integrantes do Consello aprobaron a memoria de grao á que a semana pasada dera luz verde por unanimidade a Xunta de Titulación e tamén a correspondente memoria xustificativa e económica.
O Consello Social tamén se reuniu este martes en sesión ordinaria e tamén aprobou por asentimento a memoria do grao, segundo informou o Duvi da Universidade de Vigo.
O Consello de Goberno celebrou este martes a primeira sesión ordinaria do curso 2019-2020 e a tramitación do novo grao foi un dos puntos centrais da xuntanza, celebrada na sala de xuntas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
A nova memoria aprobada por asentimento adáptase á situación de que se impartirá na nova facultade e non en Belas Artes e introduce dúas mencións, unha en Deseño Gráfico e Multimedia e outra en Deseño de Moda, segundo a información facilitada por Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado da Universidade de Vigo.
Coa aprobación deste martes, o título estará listo para ser remitido á Secretaría Xeral de Universidades para que siga o proceso normal e verificación. Tras iso, toca empezar a traballar na creación da nova facultade, elaborando a correspondente memoria.
O reitor, Manuel Reigosa, presentou un estudo preliminar sobre a matrícula nos primeiros cursos dos graos. Este ano era especialmente preocupante por haber menos estudantes e menos poboación en disposición de acceder ás aulas e, non obstante, as taxas de ocupación, tanto absolutas, como relativas melloraron nas tres universidades galegas. A de Vigo logrou valores de matrícula de preto do 99% e mesmo nalgún campus por riba do 100% .