O Consorcio provincial de bombeiros asina o seu primeiro convenio colectivo

Bueu
03 de marzo 2014

Os catro sindicatos con representación no comité de empresa: UGT, Comisións Obreiras, CIG e Sibgal, asinaron por unanimidade este acordo que regula as condicións laborais dos 73 traballadores destes parques para os próximos catro anos

Asemblea de Bombeiros do Morrazo PontevedraViva

Os parques de bombeiros comarcais xestionados por Matinsa (Bueu, O Porriño, Ribadumia e Vilagarcía de Arousa) asinaron o seu primeiro convenio colectivo dentro do Consorcio provincial.

Este Consorcio está formado pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra cunha representación do 50% cada unha, pero ten unha xestión privada da empresa Matinsa.

Os catro sindicatos con representación no comité de empresa: UGT, Comisións Obreiras, CIG e Sibgal, asinaron por unanimidade este acordo que regula as condicións laborais dos 73 traballadores destes parques para os próximos catro anos.

No caso dos parques do Porriño e O Salnés o convenio xa estaba vencido mentres que seguía vixente en do Morrazo.

Adrián Pena, delegado de UGT na negociación, valorou o convenio como moi positivo e considerou que esta experiencia é extrapolable ao resto de Galicia. De feito avogou pola creación dun convenio marco galego.

Matinsa, é a empresa que se fixo coa xestión do consorcio de bombeiros de Pontevedra, o resto, os bombeiros dos parques de Pontevedra e Vigo continúan sendo empregados públicos.

Unha circunstancia que consideran que debe ser corrixida para que estes parques municipais poidan ofrecer unha cobertura maior e completar o mapa de emerxencias, que, segundo comentaron, necesitaría dous parques de bombeiros a maiores para que o mapa de emerxencias de Galicia quede ben compensado en canto aos tempos de resposta e póidase dar un mellor servizo.

Nunha rolda de prensa en Pontevedra, Adrián Pena xunto a Hugo Sánchez responsable sectorial oficinas e despachos FeS UGT Galicia, sinalaron que os bombeiros dos parques municipais de Pontevedra e Vigo cobran entre 4.000 e 6.000 euros ano máis que calquera dos seus compañeiros no consorcio.