O convento Santa Clara mercouse pola cuarta parte do seu prezo de taxación oficial

Pontevedra
11 de novembro 2023

O concelleiro César Mosquera desvelou que a taxación oficial de Santa Clara era de 12,6 millóns de euros e lembra que o Concello de Pontevedra o mercou por 3,2

Sinatura da venda de Santa Clara
Sinatura da venda de Santa Clara / Concello de Pontevedra

O portavoz do BNG na Deputación, César Mosquera, desvelou no Pleno deste venres un importante dato non coñecido ata o de agora na compra de Santa Clara: o valor da taxación oficial do terreo e do edificado ascendía en 2021 a 12.631.739 euros.

Compre lembrar que o cenobio das clarisas foi comprado polo Concello de Pontevedra por un cuarto desa cantidade: 3,2 millóns de euros. "A operación foi magnífica", subliñou o nacionalista.

Mosquera desvelou estas cifras criticando o "radical cambio de postura" sobre o convento do PP provincial, que de man do actual vicepresidente Rafael Domínguez afeou esta semana que a Deputación teña que pagar medio millón de euros a maiores do pagado polo Concello se quere quedar cos retablos, o coro e as sillerías, entre outros bens. Estes están en depósito durante catro anos nas instalacións conventuais pero seguen a ser propiedade das clarisas.

César Mosquera reprochou a Domínguez non lera o expediente da compra a disposición no Concello dende hai dous anos e que xa incluía as cláusulas que agora critica. Insistiu en que as clarisas quedaron coa imaxinería como premisa "innegociable" para poder pechar a transacción. 

Ademáis Mosquera salientou que o actual vicepresidente, coas súas denuncias, tamén "deixa co cu ao aire" a Patrimonio da Xunta ao cuestionar que autorizase que as monxas levasen as pezas de imaxinería.

Mosquera insistiu que no momento en que a Deputación aceptou a cesión do convento por parte do Concello "o grupo provincial do PP sospeitaba que a operación era proveitosa" porque "adquiría un ben máis valioso que o que se pagou" e votou sen ningunha traba a favor da operación. 

Finalmente, advertiu ao presidente da Deputación Luís López que o vicepresidente Domínguez "o vai matar a desgustos" se segue actuando como o está a facer e insistiu en que está chovendo e hai un problema serio coa capela, instando a actuar antes de que os problemas sexan maiores.