O coronavirus non pode co mediático sorteo dun Satisfyer en Raxó: farase este domingo por Facebook

Poio
20 de xuño 2020

A pandemia levou á Comisión de Festas de Raxó a tomar a difícil decisión de aprazar ata o ano que ven as festas de San Gregorio que xa tiveran que adiar en marzo. En 2021 os festexos terán o mesmo programa xa contratado e faranse cos fondos xa recadados, de modo que non se realizará ningunha nova petición veciñal  

Comisión de Festas de Raxó
Comisión de Festas de Raxó

A pandemia do coronavirus levou á Comisión de Festas de Raxó a tomar a difícil decisión de aprazar definitivamente ata o ano que vén as festas de San Gregorio que xa tiveran que adiar o pasado mes de marzo. Finalmente, non haberá festexos na parroquia ata 2021, pero si que se manterá esta fin de semana o mediático sorteo dun Satisfyer que, cando se anunciou, despertou grande interese dentro e fóra de Poio 

Así, Sara Magariños, da Comisión de Festas de Raxó, anunciou que ven "xusto" celebrar o sorteo que tanta repercusión tivo. A metodoloxía elixida será a través dun vídeo en Directo dende o Facebook oficial da Comisión de Festas este domingo 21 de xuño. 

As persoas que queiran seguir o sorteo só terán que conectarse no perfil oficial de Facebook a partir das doce e medio do mediodía. Ademais do famoso succionador de clítoris, sortearán o tradicional cordeiro. 

En canto ás festas, tomaron a "triste decisión" de cancelar a edición de 2020 por motivo da crise sanitaria da Covid-19, pero xa confirman que a edición de 2021 está garantida para os días 13 e o 14 de marzo

A comisión anuncia tamén que o San Gregorio 2021 terá o mesmo programa xa contratado para o pasado mes de marzo e suspendido pola pandemia e que se fará cos fondos xa recadados para este 2020. Desta maneira, non se realizará ningunha nova petición veciñal para o próximo ano.