O Corpus de Cerponzóns contará cunha soa alfombra floral situada diante da Igrexa

Pontevedra
18 de xuño 2020

O Grupo Alfombras Florales de Cerponzóns pide á veciñanza da parroquia que aporte material para confeccionar esta alfombra simbólica, que elaborará un grupo de persoas voluntarias para a celebración da festividade do Corpus o vindeiro domingo 21

Alfombra floral en Cerponzóns
Alfombra floral en Cerponzóns / Grupo Alfombras Florales de San Vicente de Cerponzóns

As circunstancias obrigan a que este ano se reduzan os tapices florais habituais en Cerponzóns durante a festividade do Corpus a unha soa alfombra floral, que se creará diante da Igrexa parroquial.

O Grupo Alfombras Florais San Vicente de Cerponzóns xa se puxo en funcionamento para manter esta tradición un ano máis, a pesar das dificultades que provoca a pandemia da Covid-19. Despois de 38 anos e ante a suspensión dos actos que estaban programados na parroquia con motivo desta festividade o vindeiro domingo 21 de xuño, este colectivo decidiu elaborar unha soa alfombra cun formato simbólico.

A través das redes sociais, este grupo solicita á veciñanza que acheguen o material necesario para a elaboración da imaxe para este Corpus. Despois, un grupo de voluntarios encargarase de confeccionala mantendo as medidas de seguridade durante a elaboración. 

A diferenza doutros anos, nesta ocasión a celebración do Corpus non se concentrará na contorna da Igrexa parroquial con máis dun quilómetro de flores e demais elementos silvestres adornando o camiño. Pero polo menos crearase un tapiz que mostre a intención de que este costume se manteña no tempo.

As colectivo Alfombras Florais de San Vicente de Cerponzóns tamén participou nun acto homenaxe titulado Soñando Tokio, que organizaba a Coordinadora Internacional de Alfombristas de Arte Efémera, consistente na creación destes tapices uníndoos de forma virtual.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora