O cribado de Poio será con mostras de saliva e só para a os que teñan tarxeta sanitaria no municipio

Poio
28 de xaneiro 2021

Entre o sábado 30 de xaneiro e o vindeiro martes 2 de febreiro, a Administración Sanitaria Pública galega contará con 15 profesionais, coordinados por un médico, para tarefas de entrega e recollida de tubos para as mostras de saliva, así coma información aos usuarios

Profesionais sanitarios recollendo mostras
Profesionais sanitarios recollendo mostras / Mónica Patxot

A Xunta de Galicia, a través da xestión do Servizo Galego de Saúde (Sergas), efectuará na explanada do parque de A Seca, en Poio entre o vindeiros sábado 30 de xaneiro e martes 2 de febreiro unha nova campaña de cribado preventivo de detección da Covid 19 cara a detectar o maior número posible de portadores asintomáticos, o que permitirá reducir a cifra de contaxios de coronavirus nesta localidade.

Cómpre sinalar que a poboación censal total do concello de Poio ascende a 15.371 habitantes, dos que 11.250 teñen entre 15 e 65 anos de idade.

Os criterios que se establecen, por parte da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, para este cribado voluntario á poboación de entre 15 e 50 anos de Poio son os seguintes: citarase a cidadáns con tarxeta sanitaria activa en calquera dos tres centros de saúde deste Concello, que non sexan persoal de residencias sociosanitarias, que non tiveran un PCR postitivo no últimos tres meses e que dispoñan dun teléfono movil ao que poderlles enviar un SMS de citación e o resultado do seu cribado.

En base a estes criterios, a poboación que se vai cribar en Poio de 15 a 65 anos ascende a 7.863 veciños o que supón un 70% da poboación censal total e un 79% da poboación de 15 a 65 anos con tarxeta sanitaria en Poio.

CARPAS NA SECA

Para levar a cabo esta iniciativa preventiva, entre o vindeiros sábado 30 de xaneiro e martes 2 de febreiro, a Administración Sanitaria Pública galega contará nas carpas emprazadas na explanada do parque de A Seca cun cadro de 15 profesionais, coordinados por un médico, que realizarán tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, entrega e recollida de tubos para as mostras de saliva, así coma información aos usuarios .

Deste xeito, o vindeiro sábado 30 de xaneiro, entre as 9:30 e as 19:30 horas, os equipos profesionais entregarán tubos para recollida de mostras de saliva aos cidadáns citados. Dita entrega continuará o domingo 31 de xaneiro co mesmo horario de actividade e se recollerán as mostras dos tubos entregados o día anterior. Os tubos coas mostras enviaranse diariamente ao Servizo de Microbioloxía do Álvaro Cunqueiro para a súa análise.

Xa o luns 1 continuará a entrega de tubos para mostras de saliva aos cidadáns entre as 9:30 e as 16:30 horas, que se recollerán finalmente o martes 2 de febreiro ata as 14:30 horas.

NOTIFICACIÓN DE RESULTADOS

Os resultados das mostras procesadas no Álvaro Cunqueiro serán comunicados aos usuarios por SMS, sempre que estes sexan negativos. No caso de resultar positivos, estas notificacións comunicaránse de xeito individual a cada cidadán.