O CSIF ameaza con sacar aos funcionarios á rúa se o Goberno mete man nos seus salarios ou condicións laborais

Pontevedra
23 de marzo 2022

O sindicato máis representativo dos traballadores públicos reclama un en  cuentro co executivo para pedir a blindaxe dos servizos públicos e que non se produzan recortes salariais

Jerónimo Fernández, Miguel Borra e Jose Francisco Méndez, presidentes autonómico, nacional e provincial do CSIF
Jerónimo Fernández, Miguel Borra e Jose Francisco Méndez, presidentes autonómico, nacional e provincial do CSIF

A crise económica xerada pola subida do prezo da enerxía e do combustible motivou a comparecencia dos responsables nacional, autonómico e provincial do CSIF, o sindicato máis representativo das administracións públicas, para reclamar unha reunión urxente na que se aborde as consecuencias que terá esta situación para o funcionariado.

No encontro, desde a Central Sindical Independente e de Funcionarios, esixirán garantías para que a cidadanía e os empregados non saian prexudicados ante eventuais recortes. En primeiro lugar, pedirán ao Goberno a blindaxe dos servizos públicos á sociedade co obxectivo de que non se produzan recortes nos planteis sanitarios, de educación ou de servizos sociais como xa ocorreu na última crise e notouse durante a pandemia.

A segunda demanda pasa porque o funcionariado quede excluído dun posible pacto de rendas. Sostén o presidente de CSIF, Miguel Borra, que os traballadores públicos levan doce anos colaborando nese pacto coa rebaixa salarial que sufriron no 2010, que aínda non recuperaron e que provocaron unha notoria perda de poder adquisitivo.

Rematan as súas peticións cunha advertencia ao Goberno. "Se atacan a calidade ou as condicións laborais dos traballadores públicos CSIF non fará como outros sindicatos e mobilizarase", afirmou o presidente Borra.

No plano galego, o presidente autonómico do CSIF, José Francisco Méndez, explicou que a temporalidade dos empregados públicos de Galicia é un dos principais problemas e sinala que no Sergas o 42 % dos contratos son temporais, mentres que noutros servizos como o da prevención de incendios forestais ascende ata o 55 %. 

Asegura ademais que os problemas de persoal do Servizo Galego de Saúde débense a que as condicións laborais e salariais non son as adecuadas desde o estalido da crise do 2008.

A comparecencia, na que tamén participou o presidente provincial, Jerónimo Fernández, serviu para facer público un convenio a tres bandas entre a Fundación Padre Ángel, o sindicato policial Jupol e a propio CSIF para o envío dun convoi humanitario a Ucraína con roupa e alimentos e que servirá tamén para traer na viaxe de volta a España a mulleres e nenos refuxiados.