A Xunta de Persoal do Concello de Pontevedra emitiu un comunicado no que pide a dimisión de Carmen Fouces como concelleira responsable da área de persoal.
Os representantes dos traballadores municipais lamentan as acusacións realizadas pola concelleira nacionalista afirmando que agochan motivacións políticas nas súas reivindicacións e ao cualificalos como "machirulos por non aceptar a súa estratexia ditatorial".
Desde a Xunta de Persoal entenden que estas declaracións tentan deslexitimar o papel da totalidade de delegados e delegadas de persoal que "do mesmo xeito que ela, foron elixidas democraticamente". Lembran que levan tempo denunciando problemas de interlocución desde a parte política do goberno municipal.
Consideran "inaceptable" o "ton sexista" e "faltón" empregado por Carmen Fouces, tanto para as persoas que forman parte dos órganos de representación como para o persoal ao que representan.
Acusan a Fouces de "volver mentir" e pregúntanse se está disposta a negociar cos representantes laborais cando tenta deslexitimalos e "insulta" a estes mesmos interlocutores durante a rolda de prensa.
Afirman que a concelleira demostrou a súa "incapacidade de negociación e de diálogo, eludindo a súa responsabilidade" e, por este motivo, esixen a súa "dimisión inmediata".