As procesións suspendéronse este ano e todos os actos habituais da Semana Santa na rúa tamén pero a xunta coordinadora de Pontevedra anuncia que se manterán aquelas actividades previas que se desenvolven no interior dos templos das parroquias pontevedresas.
Desta forma, o 20 de marzo comezarán estes actos litúrxicos coa celebración da misa da xunta coordinadora. Será a partir das 20.00 horas na Basílica de Santa María a Maior en memoria das persoas falecidas que formaban parte tanto da xunta como das confrarías.
O martes 23 de marzo, tamén ás 20.00 horas, na igrexa de San José, o deán da Catedral de Santiago de Compostela José Fernández Lago pronunciará o pregón desta semana Santa 2021.
Estas dúas actividades desenvolveranse atendendo aos protocolos sanitarios e de capacidade máxima dentro dos templos, segundo indican desde a xunta coordinadora. Será o segundo ano que, debido á pandemia, Pontevedra non contará coas tradicionais procesións nas rúas.