O delegado do Goberno reclama a ENCE un proxecto industrial de futuro e pide á Xunta que se implique

Pontevedra
01 de marzo 2021
Actualizado: 20:14

O delegado do Goberno mantiña este luns unha reunión co comité de emrpesa de ENCE que cualificou de "moi produtiva e moi sensata por parte dos traballadores que serviu para concluír que o artigo 18.4 da Lei de Cambio Climático en nada afecta ao futuro de ENCE"

Reunión telemática entre o delegado do Goberno en Galicia e o comité de empresa de ENCE Delegación do Goberno en Galicia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, mantiña este luns unha reunión telemática co comité de empresa de Ence, na que tamén estivo presente a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba. Por parte do comité de empresa participaron o presidente Antonio Lafuente, o secretario Pablo Bacariza e tres membros máis: Ángel Cruz, Luís Otero e Ignacio Acuña.

Tras este encontro, a delegación do Goberno informaba da necesidade de que a empresa pasteira presente un plan industrial de futuro, ao entender o representante do Executivo central que a Lei de Cambio Climático, á que se acolle Ence para paralizar os seus investimentos en Pontevedra, non afecta á continuidade da compañía.

O delegado do Goberno manifestaba que "foi unha reunión moi produtiva e moi sensata por parte dos traballadores que serviu para concluír que o artigo 18.4 da Lei de Cambio Climático en nada afecta ao futuro de Ence".

Así mesmo, Javier Losada engadía que "é preciso que Ence e a súa directiva presenten un plan de futuro para a actividade industrial que está sometida a unha concesión. A Xunta de Galicia non pode mirar cara a outro lado, senón que ten que poñerse ao dispor de Ence para darlle solucións”.

O delegado do Goberno subliñou que o executivo central "está disposto a dialogar e a escoitar, pero é fundamental coñecer o proxecto industrial de futuro que ten a empresa". Por este motivo, incidiu na necesidade de que a empresa aborde os seus plans de futuro de maneira pública e sempre coa mente posta no mantemento dos postos de traballo.

ENCE DESMENTE AO DELEGADO

Tras estas declaracións, a empresa Ence volveu a pronunciarse vía comunicado para reiterar que a lei de cambio climático que tramita o Goberno, na súa actual redacción "si é retroactiva", polo que afectaría á súa actividade industrial en Pontevedra.

"Desde Ence celebramos a disposición, expresada desde a Delegación de Goberno, de diálogo e escoita e, neste sentido, confiamos en que se teña en conta a necesidade de eliminar a retroactividade do citado proxecto de lei", sinala a compañía, que lembra que o Consello de Estado pediu, no seu ditame preceptivo desta normativa, que esta non encerre retroactividade.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora