O Desfile de Entroido de Pontevedra aprázase para o vindeiro sábado 8

Pontevedra
01 de marzo 2014

Ante as previsións meteorolóxicas que alertan de que non haberá tregua de chuvia durante toda a tarde, a concellaría de Festas decidiu trasladar o Desfile ao próximo sábado 8 e o enterro do loro Ravachol se desenvolverá, como peche do Entroido, o domingo 9

O mal tempo provocou que se suspenda o Desfile de Entroido previsto para este sábado 1 de marzo. A concellaría de Fiestas decidiu trasladalo ao sábado 8 de marzo.

A pesar de que a concelleira Carme da Silva manifestara, nos días previos, a súa intención de que se celebrase o programa tal e como estaba previsto, as malas previsións meteorolóxicas que alertan de que non se vai producir unha tregua de chuvia durante toda a tarde levaron ao cambio de decisión.

Segundo o Concello de Pontevedra, os motivos de seguridade foron os que pesaron á hora de tomar a decisión dado que moitos grupos e comparsas, adoitan levar grupos electróxenos para iluminación, música en directo e megafonía que coas condicións de chuvia previstas poden supoñer un risco para participantes e espectadores.

Este cambio supón tamén outra modificación do programa do Entroido pontevedrés, xa que o enterro de Ravachol previsto para a noite dese sábado 8 trasládase ao domingo 9.

Mantéñense os mesmos percorridos para a nova data. De maneira que o sábado 8 ás 16.00 horas, a rúa José Malvar acollerá a inscrición dos participantes do desfile que comezará ás 17.00 horas coa caravana de comparsas e carrozas do Entroido por Loureiro Crespo, Benito Corbal, Peregrina, Michelena, Praza de España e Alameda.

Arquivado en