O despregamento dos composteiros individuais no rural comezará por Tomeza

Pontevedra
12 de abril 2019

Tomeza é a parroquia elixida polo Concello para iniciar a repartición dos 8.000 composteiros individuais que se entregarán aos veciños do rural. O edil Alberto Oubiña explicou que confían en poder cubrir con este sistema cada unha das catrocentas vivendas da zona

Composteiros individuais
Composteiros individuais / Deputación de Pontevedra

Tomeza é a parroquia elixida polo Concello para iniciar a repartición dos 8.000 composteiros individuais que se entregarán aos veciños do rural. O edil Alberto Oubiña explicou que confían en poder cubrir con este sistema cada unha das catrocentas vivendas da zona.

O primeiro paso será, adiantou Oubiña, convocar ao consello parroquial de Tomeza o 17 de abril para analizar coas asociacións veciñais posibles localizacións para centros comunitarios de compostaxe e explicar como se despregarán os recipientes individuais.

A intención do Concello é, ademais de informar os colectivos, buscar "cómplices" para axudar a dinamizar a participación veciñal e fomentar que a xente se some a este sistema de tratamento dos residuos orgánicos.

Nos próximos días, os técnicos comezarán a remitir cartas aos veciños de Tomeza que incluirán un díptico explicativo sobre residuos e compostaxe ou un formulario de adhesión a este sistema. Este traballo estará coordinado por membros da Federación Rural Galega ( FRUGA).

Os responsables deste despregamento realizarán ademais visitas vivenda por vivenda para axudar aos veciños para instalar o composteiro e supervisar a súa posta en marcha. Haberá ademais visitas de seguimento para comprobar que funcionan adecuadamente.

O Concello organizará tamén charlas informativas dirixidas a cada un dos lugares onde se vaian repartindo estes recipientes para explicar aos veciños este modelo de xestión, os seus beneficios e obrigacións legais, os traballos de mantemento ou que residuos pódese reciclar neles e cales non.

Alberto Oubiña asegura que o Concello quere transmitir que este sistema é "pioneiro" e que teñan a "tranquilidade" de que o goberno municipal estará con eles "para o que precisen".