O deterioro das instalacións do Pontillón de Castro a debate no Pleno de Pontevedra

Pontevedra
08 de abril 2016

Segundo argumentan os socialistas este recinto deportivo construído no ano 2007 na parroquia de Verducido é un "referente en todo o norte do estado", con todo "o paso do tempo e un inadecuado mantemento por parte da Xunta ", fixeron que as infraestruturas se fosen deteriorando "dun modo alarmante"

Complexo Deportivo de Pontillón do Castro, en Verducido
Complexo Deportivo de Pontillón do Castro, en Verducido

O grupo municipal do PSdeG-PSOE presentou unha moción para o seu debate no próximo pleno da corporación de Pontevedra, relativa á realización de melloras nas instalacións do encoro do Pontillón de Castro.

Segundo argumentan os socialistas este recinto deportivo construído no ano 2007 na parroquia de Verducido é un "referente en todo o norte do estado", con todo "o paso do tempo e un inadecuado mantemento por parte da Xunta", fixeron que as infraestruturas se fosen deteriorando "dun modo alarmante".

Os socialistas entenden que "permitir a deterioración é tanto como fomentar o malgasto, ademais do risco que pode supoñer a súa utilización de continuar así".

Por este motivo, pedirán ao Pleno que inste á Xunta de Galicia a que elabore un informe técnico do estado destas instalacións do encoro de Pontillón de Castro no seu conxunto e, en base ao mesmo "proceda ao arranxo e adecuado mantemento das infraestruturas deportivas".