O Día de Colón celebrarase en Poio os días 10 e 11 de maio

Poio
09 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Será a décima edición da festa medieval, que en outubro tivo que suspenderse polas condicións meteorolóxicas. Con esta nova data recupérase a festa que pon en valor a teoría da ascendencia galega do navegante, que levaba sen organizarse desde hai cinco anos.

Presentación do Día de Colón na Festa da Arribada de Baiona
Presentación do Día de Colón na Festa da Arribada de Baiona / Concello de Poio

A décima edición do Día de Colón celebrarase en Poio os días 10 e 11 de maio.

O pasado mes de outubro tivera que cancelarse toda a programación polas malas previsións meteorolóxicas. 

Desde o Concello de Poio, en colaboración coas asociacións Combrus, Leucoíña e Vides Novas, apostan por organizar a festa medieval no mes de maio, concretamente o venres 10 e o sábado 11. "Unha data que combina maior probabilidade de bo tempo, cos días máis amplos e, ademais, fóra da tempada alta, favorecendo así a desestacionalización do turismo", apuntan dende a organización.

Con esta nova data recupérase a festa que pon en valor a teoría da ascendencia galega do navegante, que levaba sen organizarse desde hai cinco anos.

O obxectivo, explican, é encher as rúas de Combarro de cor, de historia e de animación medieval, repetindo o éxito de edicións anteriores e fomentando a implicación de todos os colectivos. 

A programación, como estaba previsto xa en outubro, incluirá artesáns, tiro con arco, obras teatralizadas e música itinerantes, entre outras propostas que se darán a coñecer nas vindeiras semanas. 

Asemade, volverán a apostar polas novidades introducidas nese momento, que pasaban por reserva de espazo para que os particulares puidesen comer e cenar nas rúas de Combarro durante a celebración, e cuxas bases e prazos se darán a coñecer proximamente. Ademais, desde a organización tamén manterán reunións de coordinación cos diferentes establecementos, que crearán os seus propios menús medievais.

En outubro de 2023 estaba todo preparado para celebrar a décima edición, despois de cinco anos sen organizarse. As fortes choivas impediron a celebración da festa medieval que, segundo os organizadores, retoman agora en maio coa mesma forza e ilusión.

A festa, nese momento, se presentou en Baiona, concello ao que arribou a carabela La Pinta coa noticia do descubrimento de América. Ata alí se desprazaron o alcalde Ángel Moldes e  representantes das asociacións colaboradoras para presentar a programación e promover así futuras colaboracións e irmanamento entre os dous concellos e seguir divulgando a figura do Colón de Poio.