O día en que o 'ollomóbil' pasou a ser o 'multacar'

Pontevedra
21 de xaneiro 2016

Desde a posta en funcionamento do 'ollomóbil' reduciuse o número de denuncias impostas na cidade. No ano 2015 permitiu impoñer 4.558 denuncias, o que supón o 36,7 por cento do total de denuncias impostas polo Concello. Esas sancións non se sumaron ás que xa impoñían antes os axentes, senón que mesmo reduciron aquelas, de tal forma que no último ano houbo 1.300 sancións menos que en 2014

O 'multamóbil' vixiando o uso dos aparcamentos na Praza de Barcelos
O 'multamóbil' vixiando o uso dos aparcamentos na Praza de Barcelos /
Daniel Macenlle fai un balance positivo do 'multacar' /

O polémico vehículo adquirido polo Concello de Pontevedra para vixiar as zonas de estacionamento bautizouse oficialmente como "ollómobil" e, desde o principio, evitouse utilizar o termo "multamóbil", pois a súa finalidade non era poñer multas, senón ter un efecto disusorio. O obxectivo co que naceu no ano 2014 segue sendo o mesmo e, de feito, desde a súa posta en funcionamento reduciuse o número de denuncias impostas na cidade. Agora que xa forma parte da paisaxe cotiá dos condutores pontevedreses, o 'ollomóbil' pasou a ser o 'multacar' e así se referiu a el o intendente xefe da Policía Local, Daniel Macenlle, durante unha rolda de prensa de presentación da memoria de actividade do Corpo policial

A concelleira de Seguridade Cidadá, Carme da Silva, que segue referíndose ao vehículo como o 'ollomóbil', aplaude a diminución no número de sancións e Daniel Macenlle explicou que inicialmente se presumía que o 'multacar' "iba a incrementar de maneira exponencial o número de denuncias", pero, lonxe diso, acabou constatándose o "enorme poder disuasorio que teñen este tipo de tecnoloxías" e, a día de hoxe, en Pontevedra se utlizan as zonas de estacionamento reservadas para servizos e carga e descarga "con moitísima máis fluidez ca antes"

No ano 2015 ese 'multacar' permitiu impoñer 4.558 denuncias, segundo o avance da memoria da Policía Local, o que supón o 36,7 por cento do total de denuncias impostas polo Concello de Pontevedra. Esas sancións non se sumaron ás que xa impoñían antes os axentes, senón que mesmo reduciron aquelas, de tal forma que no último ano produciuse un "importante descenso" e houbo 1.300 sancións menos que en 2014, o que supón un descenso do 9,8 por cento.

Segundo ese balance, os axentes impuxeron o ano pasado 12.417 denuncias e a Dirección Xeral de Tráfico 721. A cifra de actividade da Policía Local supón unha redución do 32,5% en cinco anos, no período comprendido entre 2010 e 2015, e que se enmarca, ademais, nunha contorna xeral de bos resultados en canto á seguridade viaria, cunha reduccción dos positivos nos controis de alcoholemia, os vehículos retirados polo guindastre ou os accidentes. 

En relación co consumo de alcol, Da Silva e Macenlle explicaron que se realizaron miles de probas de alcoholemia máis, pasando de 2.956 a 10.450 en controis estáticos e, con todo, reducíronse os condutores que deron positivo. En termos comparativos, as alcoholemias positivas detectadas en controis estáticos reducíronse un 0,89% nun ano e un 3,7% en cinco anos.  

Así, no ano 2015 os axentes municipais detectaron 94 resultados positivos en controis estáticos, oito menos que o ano anterior (102) e 15 menos que en 2010 (109), e 254 en controis dinámicos. En total, foron 350 positivos, dos que 106 acabaron nos xulgados e 244 derivaron en sancións administrativas

A memoria policial tamén saca á luz que as medidas postas en marcha para reducir a velocidade de circulación pola o cidade e outra actuacións asociadas ao modelo urbano axudaron a que Pontevedra pasase o quinto ano consecutivo sen falecidos en accidentes de tráfico e, por primeira vez, o número de sinistros rexistrados baixase dos 800. En 2015 houbo 792 incidentes en vías urbanas fronte aos 875 do ano anterior, o que supón un descenso do 9,6%.

Positivos foron tamén os datos de actividade do servizo do guindastre, pois se reduciron un 9,3% os vehículos retirados con respecto a 2014 e un 29,7 por cento se se compara cos datos de 2011. Houbo, en total, 4.279 vehículos retirados, 3.418 por infraccións e outras 861 por traslados e outros motivos.