O edificio da Xunta en Benito Corbal abre as súas portas para un 'recoñecemento'

Pontevedra
23 de maio 2016

Un recoñecemento ao estado do edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal "para comprender un pouco máis o que se quere facer nel". Así definiu o vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda, a visita que realizou este luns a un inmoble que será rehabilitado de forma integral, cun investimento próximo aos 4 millóns de euros. O obxectivo é que estea en funcionamento ao longo de 2018

Visita de Rueda, Lores e o reitor da Universidade de Vigo ao edificio da Xunta en Benito Corbal
Visita de Rueda, Lores e o reitor da Universidade de Vigo ao edificio da Xunta en Benito Corbal / Mónica Patxot

Un recoñecemento ao estado do edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal "para comprender un pouco máis o que se quere facer nel". Así definiu o vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda, a visita que realizou este luns a un inmoble que será rehabilitado de forma integral, cun investimento próximo aos 4 millóns de euros. O obxectivo é que estea en funcionamento ao longo de 2018.

Rueda, que estivo acompañado do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; ou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; sinalou que os técnicos das tres administracións están a tratar de "pechar o anteproxecto" para poder licitalo e empezar as obras cando antes. "Se somos dilixentes, poderemos manter os prazos sen ningún problema", dixo.

Nas tres primeiras plantas deste edificio de case 6.000 metros cadrados, a Xunta situará as oficinas de emprego que ata agora están en Eduardo Pondal, concentrando neste espazo toda a atención aos cidadáns; mentres que as plantas terceira e cuarta serán cedidas a entidades e asociacións de interese social e sanitario un espazo para situar as súas oficinas e locais.

As catro plantas superiores do edificio serán cedidos á Universidade de Vigo. O reitor explicou que os seus arquitectos xa definiron un programa concreto de necesidades sobre o que xa están a traballar cos técnicos da Xunta. Será para eles, un "salto cualitativo" na relación da universidade coa cidade de Pontevedra, segundo Salustiano Mato.

Ademais de albergar a sede corporativa do Campus Crea, espazos de coworking e a incubadora de proxectos ligados á industria creativa e cultural, Mato avanzou que a universidade terá espazos demostrativos e espazos académicos ligados á oferta común do campus, como idiomas, a educación de maiores, seminarios, conferencias, eventos ou actividades científicas, para as que "espremeremos a tope" o salón de acto.

A Universidade de Vigo prevé crear tamén neste edificio unha escola de emprendedores que permitirá á institución educativa "intensificar a nosa relación co tecido empresarial", un aspecto que, segundo explicou o reitor, é unha "vocación" da universidade.

Con todas estas vimbias, o edificio da Xunta de Galicia terá unha nova vida. E por iso, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mostrou a súa satisfacción, a pesar de lamentar que "se tardase tanto tempo" en darlle uso a estas instalacións. Agora, sinalou, espera que se cumpran os compromisos adquiridos e se poña un valor un inmoble que "estaba perdido e agora está hallado". 

DETALLES DO PROXECTO

A remodelación da antiga sede da Xunta en Pontevedra incluirá a substitución da fachada por un revestimento de aluminio. Isto servirá, segundo o goberno galego, para acabar cos problemas de humidade que afectan as paredes, as ventás e a cuberta do edificio, cuxa última remodelación foi en 1982. Tamén se cambiará a carpintería metálica por outra con dobre acristalamiento.

Outra das grandes novidades da reforma ten que ver coa accesibilidade. O inmoble manterá os tres accesos desde a rúa, que agora pasarán a ser totalmente accesibles. Ademais, cambiaranse os catro ascensores de catro prazas -ningún deles accesible- por dous ascensores de oito prazas, facilitando o seu uso a persoas con mobilidade reducida, unha vantaxe máis deste cambio é que se gañará espazo útil.

O edificio contará cun núcleo central de comunicacións, o que permitirá utilizar o inmoble a calquera hora, mesmo nas plantas altas do edificio. Con esta distribución bastará con pechar as portas necesarias para facilitar o acceso exclusivamente a aquelas zonas que, por exemplo, funcionen en horario de tarde ou na fin de semana.

Ademais, en cuestións de eficiencia enerxética, instalaranse illantes na cuberta e na fachada e un sistema de ventilación natural e forzado, que conseguirá mellorar a calidade do aire interior ao recuperar a calor ou disipala en función da época do ano. Tamén se instalará un sistema para reutilizar a auga de choiva para as cisternas dos WC, placas solares térmicas para crear auga quente sanitaria e seis caldeiras de biomasa para a calefacción.