Tras semanas de traballo, o antigo edificio da rúa Progreso, no que estivo no seu día Muebles Alonso, xa é historia. Os operarios contratados polo Concello completaron a derriba do inmoble, que se atopaba nun estado ruinoso.
Para terminar con esta demolición, tan só queda retirar a pedra e recoller os entullos.
Despois dese trámite, achandaranse as paredes das edificacións contiguas e construirase un peche perimetral cun muro.
O Concello de Sanxenxo foi quen ordenou a derriba deste edificio, que tiña dúas plantas e unha superficie de 303 metros cadrados, despois de que o servizo municipal de Urbanismo declarase o seu estado de ruína.
A demolición foi contratada polo goberno municipal despois de requirir aos propietarios que acometesen a derriba. Os donos do solar non responderon e o Concello repercutirá o seu custo á familia.