O emprendemento volverá ter unha cita o 20 e 21 de setembro na Praza de España

Pontevedra
13 de xuño 2024

Este xoves 13 presentábase a undécima edición de Pont-Up Store, que mantén o prazo para a presentación de candidaturas para obter un posto gratuíto ata o venres 5 de xullo 

Rafa Domínguez, Anabel Gulías, Pablo Fernández, Eva Lantarón e Pedro Figueroa
Rafa Domínguez, Anabel Gulías, Pablo Fernández, Eva Lantarón e Pedro Figueroa / Mónica Patxot

A iniciativa de apoio ao emprendemento denominada Pont-Up Store chega á súa undécima edición, que volverá ter como escenario a Praza de España os días 20 e 21 de setembro.

Este xoves presentábase no Concello de Pontevedra a través da concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías; o secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández; o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez; a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva Lantarón e o promotor desta proposta Pedro Figueroa.

O prazo para presentar candidaturas para instalar unha caseta gratuíta no evento permanecerá aberto ata o venres 5 de xullo.

A principal iniciativa é a posta en marcha da Pont-Up Venture coa intención de captar proxectos máis tecnolóxicos cun xurado representado por persoal de financiamiento de starup como Alba Pombo ou Pablo Campos destinado a que seis empresas capten financiamento.

Segundo adiantou Figueroa instalaranse preto de corenta empresas e a programación centrarase en tecnoloxía e financiamiento tratando tamén temas de ciberseguridade e de Intelixencia Artificial como elementos de oportunidades para proxectos emprendedores actuais.

Nesta edición tamén haberá unha dedicación especial á economía social como sector a potenciar. Ademais realízanse accións de apancamento para dar oportunidade de promover determinados proxectos. Este ano será Voces Ocultas a iniciativa escollida, que encabeza a empresa Bonobo.

Pola súa banda, Anabel Gulías destacou que, segundo os datos recolleitos durante a reunión do Consello Económico e Social, Pontevedra ofrece bos datos en canto a estabilización de censo empresarial situándose entre as primeiras cidades españolas en manter o número de empresas creadas.

Pablo Fernández, en representación da Xunta de Galicia que estará presente a través de tres consellerías, incidiu en que Galicia é unha rexión emprendedora, primeira comunidade española con porcentaxe de traballadores activos autónomos, máis dun 20%, e figura na quinta posición de mellores creacións de starups.

Rafa Domínguez agradeceu a colaboración de tres institucións como Concello, Deputación e Xunta para poñer en marcha un evento "pioneiro e visionario", mentres que Eva Lantarón, en representación da Universidade de Vigo, destacou a relevancia das once edicións do evento apuntando á súa importancia nacional e internacional.