O encontro de alcaldes na Deputación abre a primeira fenda entre Cubela e o goberno bipartito

Pontevedra
24 de xullo 2019

O alcalde de Cerdedo-Cotobade e voceiro da oposición reclamou un incremento económico do 20% para o Plan Concellos, unha petición que molestou a Carmela Silva e a César Mosquera, que invitan á Xunta de Galicia a que asuma os esforzos en investimentos que fai a Deputación

Encontro de alcaldes e alcaldesas da provincia na Deputación de Pontevedra Cristina Saiz

A gran maioría de alcaldes e alcaldesas da provincia déronse cita este mércores na Deputación Provincial para manter un encontro coa presidenta Carmela Silva e co vicepresidente César Mosquera. Ambos os dous dirixentes explicaron os representantes municipais os proxectos previstos para este mandato en que se centrarán na transición ecolóxica, a axenda dixital para facilitar o progreso da provincia, a mellora dos espazos públicos de forma sustentable, ademais da potenciación da cultura e da política social.

Carmela Silva amosaba a súa satisfacción por esta convocatoria realizada ás tres semanas da toma de posisión do novo goberno da Deputación e sinalaba que este é o modelo a seguir, coa posta en común das ideas do presente e do futuro. Na mesma liña expresábase César Mosquera afirmando que é un acto "extraordinario" e que hai moito traballo detrás para realizar unha convocatoria destas características nun prazo tan curto de tempo.

Malia todo, este encontro amosou as primeiras discrepancias de calado neste mandato entre o voceiro do PP na Deputación, Jorge Cubela, e o goberno bipartito. A diferencia de posturas iniciouse na quenda de preguntas cando o tamén alcalde de Cerdedo-Cotobade reclamaba un incremento dun 20% no Plan Concellos.

Cubela, á saída do encontro, amosábase "sorprendido" pola resposta da presidenta provincial ao non querer contestar sobre o financiamento sinalando que o orzamento se debatía no pleno. "Alucinei coa resposta da presidenta da Deputación" apuntaba Jorge Cubela que describía como "moi ofensivo" o ton co que Carmela Silva se dirixira a el. "Marcho sen contestación, creo que vin facer unha foto", concluía Jorge Cubela.

A presidenta, pola contra, entendía que a intervención do representante popular buscaba a confrontación e realizaba un chamamento a que sexa a Xunta de Galicia a que aprobe un Plan Concellos con criterios obxectivos e con recursos económicos que permitan manter a autonomía local, xa que iso debería garantir un 30 ou un 40% máis de investimentos para os municipios.

César Mosquera ía máis alá e lle pedía a Jorge Cubela que lle "mande a máquina de facer os cartos". O vicepresidente provincial lembraba que durante o mandato pasado se fixo un importante esforzo para desenvolver o Plan Concellos pasando dunha dotación que rondaba os 20 millóns de euros a outra que supera os 40 millóns.

Mosquera lembraba que se a Xunta se facía cargo de dependencias que lle corresponden como o Centro Príncipe Felipe sería posible aumentar ata un 30% a dotación aos municipios. Por este motivo, non entendía a postura de Cubela: "Confundiu isto cun pleno. O portavoz di que está encantado como alcalde e despois ven afear, algo sen sentido. Paréceme moi desafortunado. Empeza mal". 

A xuntanza foi abandonada antes de tempo polo alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, que criticaba o debate sobre a Xunta de Galicia que se abría durante o encontro. "Non vou entrar en ningún debate e non estou aquí para perder o tempo", afirmaba o rexedor da vila turística. tambén Luisa Piñeiro, alcaldesa de Moraña, marchaba antes deste encontro alegando que tiña compromiso no seu municipio.

A representante do PP lamentaba que non se falara de orzamentos para planificar os vindeiros anos e rexeitaba tamén o debate aberto sobre a Xunta: "pensamos que non é o lugar nin o momento de facer iso". Ademais, Piñeiro criticaba que no anterior mandato a presidenta da Deputación non a citara para manter unha xuntanza: "Non tivo a delicadeza de recibirme".

Malia estas críticas, tanto Carmela Silva como César Mosquera aseguraron que numerosos alcaldes do Partido Popular lles transmitiran que estaban "encantados" con esta reunión e con este modelo de traballo.